domingo, 14 de febrero de 2010

Conservatorios de música: revolución pendente

Conservatorios de música : revolución pendente

Coñezo perfectamente o pasado e o presente destas institucións. No pasado como alumno dende 1974 ata 1991, e como profesor e director no ensino público e tamén no privado (1983-1999).No presente como pai de alumnos....Hai que recoñecer que determinadas cuestións melloraron e non teñen nada que ver co de fai vinte ou trinta anos.A calidade no ensino instrumental é hoxe equiparable en moitas especialidades e centros á de calquera outro punto do Estado, os alumnos poden estudiar moitos anos acadando gran nivel en algúns casos porque o profesorado é importado- cubanos,rusos ou lituanos- (tamén doutras zonas do Estado como a comunidade valenciana) cunha categoría profesional altísima en relación coa tradición que aquí había e que pouco a pouco trasladan os nosos fillos e fillas que empezan ademáis a ser profesores da nova xeración.Este incuestionable cambio de panorama na calidade artística da maioría das especialidades instrumentais non foi acompañada ata agora por un cambio nas estructuras educativas dos conservatorios que permanecen en moitas cuestións ancorados nun pasado decimonónico que ninguén parece querer mover a pesares dos cambios lexislativos que representan as boas intencións non cumpridas en demasiados casos.Pero que aspectos son os que me fan reflexionar así?.Agora vamos a eles.

Difícil compatibilidade dos estudios xerais cós musicais.No pasado era posible facer asignaturas soltas, examinarse por libre á vez que por oficial no mesmo curso, en xuño ou en setembro.Este caos sen embargo permitíunos a moitos adaptar os estudos musicais ás posibilidades de tempo en relación cós estudios de primaria e secundaria.Hoxendía isto é máis complicado e o alumnado ten a obriga implacable de facer cursos completos nos que non hai contemplacións nin clemencia para as situacións de compatibilidade có ensino xeral.O alumnado é machacado por partida dobre nos centros de ensino secundario(algúns optan por ocultar que están no conservatorio para evitar ser estigmatizados negativamente) e nos conservatorios onde os obrigan sen contemplación moitas veces fora de horarios habituais a audicións,exames ou “excursións” extra. Esta situación agrávase porque os horarios de un e de outros parecen estar pensados para castigalos ainda máis e provocar ilóxicos desprazamentos para unha hora nas frías e escuras tardes de inverno...O bacharelato musical de recente implantación quere aliviar este desaguisado poñendo “tellas bonitas” a un edificio mal cimentado porque para chegar a ese bacharelato con un nivel musical aceptable o alumnado ten que pasar o calvario anterior de oito anos de estudos mal planificados.

A Pedagoxía nos Conservatorios tamén é un tema pendente.Pensemos que na formación do profesorado destes centros en xeral non se contempla esta formación salvo como unha maquillaxe, resultado: o profesorado pode ter boas ou nulas capacidades pedagóxicas e como nunha tómbola os pais esperaremos ter un boleto premiado...isto provoca que a rendibilidade do ensino nos conservatorios está ó pairo da boa sorte pero non dunha planificación de mínimos no eido pedagóxico. Esta deriva podemos trasladala á formación e apoio da administración á función directiva-unha das eivas compartidas có ensino xeral-pero neste caso cun matiz adicional porque é sabido que os músicos- como artistas que son- non se educaron ou formaron coa idea de burocratizar o seu traballo, o que provoca que só excepcionalmente ou despois de moitos anos de experiencia podamos falar de equipos directivos eficaces, pola irresponsabilidade da administración educativa que parece contentarse con manter unha situación así, impropia xa, o meu xuizo, dun país que quere estar no contexto europeo.

Se eu fora Conselleiro de educación non dubidaría en traballar polas seguintes medidas :

1.- Creación de centros de secundaria con grupos especiais de alumnos de Conservatorio, nos que se artellaran horarios optimizados nos que o alumnado- por dicir algo concreto- as cinco da tarde marcharan á súa casa con todas as clases(ensino xeral e musical) feitas.Isto ademáis propiciaría que poiderán ter clases de música pola mañán aproveitando debidamente ó profesorado e conservatorios.Ademáis acabaría coa discriminación a este tipo de alumnado e sería unha axuda increíble para a loxística familiar.

2.- Plan especial de optimización pedagóxica nos conservatorios.Nomeando especialistas encargados de apoiar nas planificacións pedagóxicas ós distintos departamentos cun seguimento constante e motivante no que o profesorado tivera un apoio para mellorar a súa función docente en canto a pedagoxía sobre todo dos máis cativos.

3.- Plan de apoio ós equipos directivos e xefes de departamento.Onde tamén houbera unha formación especial planificada e un apoio constante a todos aqueles profesores cunha responsabilidade especial, axudándolles a ser máis competentes e eficaces na súa función coa mellora que suporá para o total do centro educativo.

Como se pode observar non se trata de culpabilizar ós traballadores dos centros, sería inxusto.É o sistema o que está carente de resortes que permitan aproveitar ese capital humano o mellor posible.Son os políticos e os responsables da administración educativa os que poden e deben acometer con firmeza estas reformas.O contrario significa seguir estando á cola na planificación educativa e musical do contexto no que pretendemos pertencer.

No hay comentarios:

Publicar un comentario