domingo, 20 de junio de 2010

HOMENAXE A HENRIQUE OTERO :GRAZAS A CASE TODOS

Mª Xosé López máis eu fomos os que nos tocou nesta ocasión tirar máis do evento.Creo que podo falar en nome dos dous se manifesto que os que nos sumamos ó acto o fixemos incondicionalmente e dende ó principio.Onte a tarde foi un privilexio contar en primeiro lugar coa colaboración dos participantes que de xeito xeneroso quixeron ter un sitio.Contar coa presenza de tan extraordinarios artistas como persoas é algo que non se pode ver a diario. Luís Caruncho e Bieito Lobariñas trouxeron a frescura das súa regueifas para o mestre, Noitarega amosou unha vez máis a súa calidade e afecto polo homenaxeado, Contracochenos estrearon obras fermosísimas para a ocasión, A agrupación Breogán de Moaña deu conta do afecto sincero e do presente como mestre de Henrique, Juanjo Fernández sorprendeunos a todos coa súa intervención guitarrística...Pola parte máis “académica” foi tamén impresionante a participación: Ernesto Campos estreou un tema con variacións do propio Otero coa colaboración de Xose Oliveira, Xosé Miguélez tamén fixo unha marabillosa interpretación acompañado ó piano por Pablo Diago representando o fito de ser o primeiro titulado superior en música tradicional galega e agradecéndollo explicitamente ó mestre. Rebeca Carrera, a pesar de estar lesionada, tamén achegouse coas súas muletas a participar como público. Non sei que dicir de Beatriz Riobó e de Alejo Amoedo tamén profesores do conservatorio superior dun nivel artístico extraordinario e recoñecido o que non lles impide participar mantendo case o anonimato.Tamén quero destacar que o vicedirector, Jesús, que representaba á dirección do Conservatorio Superior fixo moito máis do que se pode imaxinar por facilitarnos as cousas a pesares de non coñecernos de nada e de levar pouco tempo en Galicia demostrando que a sensibilidade cara á música tradicional non é cuestión de ser máis ou menos nacionalista ou galeguista, senón sobre todo de ser persoa e xente de ben ...Tamén, por que non, teño que agradecerlle ó concelleiro de patrimonio que estivera máis de tres horas con nós aguantando o xeito peculiar de dar as gracias de Henrique e a Francisco Gil Dopazo ás súas palabras en nome da Asociación de gaiteiros galegos.
Quero rematar coa sentida emoción da primeira persoa que concluíu no ano 1982 os estudos de gaita que por aquel entón se impartían : a miña compañeira e co-presentadora do acto Mª Xosé López que foi a que encarnou o sentimento de moitos de nós nas fermosas palabras de agradecemento que adicou a Henrique...Se falei dos que participaron no escenario non menos importantes foron os que se achegaron fisicamente dende toda Galicia ó auditorio Martín Códax e fixeron que a tarde do Sábado 19 de Xuño fora irrepetible: Xosé e Álvaro Seivane, Antón Corral, Rodrigo Romaní,Anxo Pintos , e moitos outros que queirades ou non fóchedes tan importantes nas butacas como os outros no escenario, así como os moitos que sen poder achegarse compartían dende a distancia esa parada no tempo convertida na homenaxe ó gaiteiro do Fragoso polo seu LXXX aniversario. Non podo agradecer case nada á prensa galega ( a excepción de Galicia Hoxe) que tiña cumprida información do evento e non foi quen de adicarlle algo máis que unha nota na axenda...pero cando temos certa idade xa sabemos de sobra que o verdadeiramente importante para as nosas vidas case nunca sale no periódico...

HOMENAXE A HENRIQUE OTERO : MISIÓN IMPOSIBLE

Se por homenaxe entendemos a situación consistente en que unha serie de persoas falen ou fagan algo adicado a unha persoa homenaxeada por calquera circunstancia que o propicie, mentres mantén unha actitude contemplativa e se deixa levar polas emocións temos que concluír que no caso de “ O Gaiteiro do Fragoso” iso é misión imposible.

Henrique Otero chegou á súa propia homenaxe case dúas horas antes de que comezara o acto para que todo estivera ó seu gusto, fixo de anfitrión e de mestre de cerimonias e case deixa sen traballo ós que nos tocara facer de presentadores circunstanciais, elixiu a orde do evento e interveu tantas veces como quixo alongando pola súa conta o acto polo menos corenta minutos xa que durou tres horas fronte as dúas inicialmente previstas.
Todos os que alí estabamos e coñeciamos a Henrique asumimos de inmediato o que estaba a suceder e, o mesmo tempo, sorprendémonos por enésima vez de que o noso mestre seguira trinta anos despois igualiño, coa mesma enerxía e forza que nos anos oitenta.

Tampouco foi estraño para moitos que case rexeitara os agasallos porque “non teño onde metelos”, ou que lle comentara ós Seivane que a palleta que lle puxeran no punteiro que lle regalaron había que amañala mellor, ou que lle dixera ó concelleiro de patrimonio-que aguantou como un campión as tres horas do acto e viña substituíndo o concelleiro de cultura-que despois de traballar cincuenta anos no concello “non era moito”(o agasallo que lle deu)...
Pero Henrique tiña todo previsto (ou iso cría) e para rematar quería que lle tocaran o “cumpleanos feliz”, aínda que no escenario simulou sorprenderse...así é o noso mestre....
Custounos bastante ós Raigames(a primeira banda de gaitas da cidade olívica dirixida por Henrique polo 1982) manternos no anonimato para intentar darlle a única sorpresa da que fomos capaces de saír airosos, e alí estabamos ó remate do acto , trinta anos despois quince representantes daquela agrupación tan pioneira como xenuína que quizais conseguimos abrandar por fin as mostras externas de sensibilidade do mestre e a nosa propia durante uns minutos...

Meus amigos,penso que agasallamos a Henrique dun xeito fermoso e que todos os que participamos temos que sentirnos ben,moi ben, polo que fomos quen de facer, e non só porque conseguimos recoñecerlle o seu maxisterio e a súa importancia na historia da gaita e nas nosa vidas, senón porque foi unha demostración do que un colectivo de xente de ben pode chegar a facer có único interese de manifestar que podemos ser herdeiros e portadores dignos dunha tradición que sigue viva e que pode rexurdir con forza e frescura aíinda que pasen décadas.