viernes, 23 de julio de 2010

DISCURSO DE MARÍA XOSÉ LÓPEZ

De seguido vai o discurso de María Xosé na homenaxe a Henrique Otero

AGRADECEMENTO AO MEU MESTRE HENRIQUE OTERO NO SEU 80 ANIVERSARIO

Eu son María Xosé de Muxicas, e non teño máis título nin tarxeta de presentación cá de ser gaiteira. Hai 34 anos comecei a ser alumna de Henrique Otero, cando non era máis cá unha páxina en branco, onde se podía escribir unha manchea de claves. Estudei no Conservatorio, e, por unha casualidade do destino, fun a primeira persoa en rematar un proxecto que Henrique tiña daquela: estabelecer estudos de gaita oficiais que puxesen ao noso instrumento nun lugar coa mesma consideración cá dos outros instrumentos. Por esta casualidade do destino estou aquí neste momento. O caso é que a porta que Henrique abriu para min, contra o que se puidese pensar – por estar no lugar e nas circunstancias que acabo de expoñer- , non foi un abraiamento pola técnica, non foron exercicios ximnásticos sobre o punteiro, non foi ler e executar mil notas unha detrás de outra sen sentido. Nin tan sequera foi a conciencia de que estabamos “dignificando” a gaita porque xa é digna de seu. Non. A porta que Henrique me abriu, e pola que el xa pasara antes, foi a de me achegar a un instrumento marabilloso, que me sitúa no cerne mesmo da paisaxe, dos costumes, da idiosincrasia deste pobo que dan en chamar Galicia, un instrumento con tantos matices, tanta expresividade, tanta historia, e tanta dignidade, que é moito máis cá un instrumento: é un sinal de identidade. Un instrumento que está no centro mesmo do que somos, que articula toda esa cultura que nos sitúa no mundo cunha linguaxe propia e única, que chegou ata nós nunha corrente subterránea que foron forxando as xeracións pasadas dende o escuro dos tempos e que trae con el a nosa esencia como ente colectivo, forza centrífuga e centrípeta do que fomos, no que somos e do que seremos. Un instrumento có que chegamos ao máis fundo do corazón de propios e estraños, e que nos permite ter un discurso coherente e diferenciado.

Así que hoxe, Henrique, veño aquí agradecerche o teu maxisterio, non só aquel polo que me ensinaches a dar notas no punteiro ou a afinar o ronco. Hoxe quero agradecerche especialmente esa vivencia que ti tiñas da gaita e da música galega, do lugar que ocupaba e que debía ocupar, porque con esa vivencia imprimiches na páxina en branco que eu era daquela un criterio cara ao noso que segue perdurando, e que me permite ter aberta a porta a esta sensibilidade e ao que nós somos. Grazas porque ti mesmo fuches un elo dese saber milenario e porque, transmitíndonolo, permítesnos seguir sendo un elo humilde e minúsculo na corrente imparable do tempo. Grazas por iniciarme nesta maneira de estar no mundo.

No nome dos nosos devanceiros que se gabarían de escoitar as nosas gaitazas- que non gaitiñas- en todos os foros onde nos é dado tocar, no nome das xeracións vindeiras ás que chegarán a túa música e esta maneira de entender o que somos, e sobre todo, no meu nome, grazas Henrique, por ser gaiteiro.

Vigo, 19 de Xuño de 2010 – MARÍA XOSÉ LÓPEZ

martes, 20 de julio de 2010

CONCURSOS E GAITEIROS

Non sei cando voltarei a participar como xurado nun concurso de gaiteiros.Eu que me sinto gaiteiro, admiro a calquera que coa dignidade debida faga soar unha gaita, e son consciente de que moitos dos gaiteiros que soben a un escenario cando eu estou de xurado son extraordinarios intérpretes e artistas que poderían perfectamente ser xurados tan competentes coma min ou máis se cabe.
Obviamente cando alguén se apunta para un concurso ten que ter a madurez ou humildade necesaria para aceptar o veredicto dun xurado que como todos sabemos é froito das circunstancias particulares de cada ocasión.O que gana ou perde un concurso no é o mellor ou o peor, senón que esa etiqueta é válida para un momento moi concreto nunhas circunstancias determinadas, por iso quizais os concursos son moi bos para quen non teña nada que perder e poda gañar algo, pero poden ser desaconsellables para quen tendo xa un prestixio recoñecido ponse en disposición de que o puntúen nun momento determinado...Estando de xurado e presentándose diante gaiteiros de prestixio con discos e demais só queda abstraerse do curriculum e pensar friamente no momento e nas circunstancias do concurso, na idoneidade do repertorio presentado e por que non, no gusto subxectivo por un tipo de agrupación ou estilo de tocar,...se por enriba coñeces ós gaiteiros ou tes certa amistade con eles a cousa será aínda máis difícil,...polo tanto o concurso debe entenderse como un xogo de rol no que a uns tócalle estar cun papel e a outros con outro, conscientes de que podería ser a inversa pero asumindo ese papel por circunstancias.É curioso como algúns gaiteiros logo do concurso son capaces de disertar e argumentar razóns diversas que poñen en tela de xuízo o resultado,pero eses mesmos non queren nin de lonxe participar sendo xurado de ningún concurso...Eu cando me toca estar de xurado simplemente asumo un rol e procuro aplicar ás bases según o meu criterio ó tempo que lle fago un favor ós organizadores, xa que a máxima contrapartida soen ser as dietas de traslado que cobras despois duns meses se hai sorte...Teño que dicir que tamén houbo moitos gaiteirazos que tras non gañar o concurso asumen ese momento con naturalidade coma “homes” e “mulleres” feitos e dereitos, seguramente con rabia interior, pero cunha dignidade e madurez que os fai verdadeiramente gaiteiros e sen culpabilizar nunca os membros do xurado que coma eles están condicionados nun guión preestablecido polas bases do concurso e circunstancias particulares...a vida sigue e no próximo escenario haberá outra comedia na que teremos quizais outros roles.Sería ideal que todos tiveramos esta percepción dos concursos coma unha oportunidade para disfrutar e xogar xuntos sen pretender ser gañadores antes de participar e sen que ninguén se sinta perdedor porque, aínda que sexa un tópico, o importante é a participación e o moito que se pode aprender e experimentar.