domingo, 20 de junio de 2010

HOMENAXE A HENRIQUE OTERO : MISIÓN IMPOSIBLE

Se por homenaxe entendemos a situación consistente en que unha serie de persoas falen ou fagan algo adicado a unha persoa homenaxeada por calquera circunstancia que o propicie, mentres mantén unha actitude contemplativa e se deixa levar polas emocións temos que concluír que no caso de “ O Gaiteiro do Fragoso” iso é misión imposible.

Henrique Otero chegou á súa propia homenaxe case dúas horas antes de que comezara o acto para que todo estivera ó seu gusto, fixo de anfitrión e de mestre de cerimonias e case deixa sen traballo ós que nos tocara facer de presentadores circunstanciais, elixiu a orde do evento e interveu tantas veces como quixo alongando pola súa conta o acto polo menos corenta minutos xa que durou tres horas fronte as dúas inicialmente previstas.
Todos os que alí estabamos e coñeciamos a Henrique asumimos de inmediato o que estaba a suceder e, o mesmo tempo, sorprendémonos por enésima vez de que o noso mestre seguira trinta anos despois igualiño, coa mesma enerxía e forza que nos anos oitenta.

Tampouco foi estraño para moitos que case rexeitara os agasallos porque “non teño onde metelos”, ou que lle comentara ós Seivane que a palleta que lle puxeran no punteiro que lle regalaron había que amañala mellor, ou que lle dixera ó concelleiro de patrimonio-que aguantou como un campión as tres horas do acto e viña substituíndo o concelleiro de cultura-que despois de traballar cincuenta anos no concello “non era moito”(o agasallo que lle deu)...
Pero Henrique tiña todo previsto (ou iso cría) e para rematar quería que lle tocaran o “cumpleanos feliz”, aínda que no escenario simulou sorprenderse...así é o noso mestre....
Custounos bastante ós Raigames(a primeira banda de gaitas da cidade olívica dirixida por Henrique polo 1982) manternos no anonimato para intentar darlle a única sorpresa da que fomos capaces de saír airosos, e alí estabamos ó remate do acto , trinta anos despois quince representantes daquela agrupación tan pioneira como xenuína que quizais conseguimos abrandar por fin as mostras externas de sensibilidade do mestre e a nosa propia durante uns minutos...

Meus amigos,penso que agasallamos a Henrique dun xeito fermoso e que todos os que participamos temos que sentirnos ben,moi ben, polo que fomos quen de facer, e non só porque conseguimos recoñecerlle o seu maxisterio e a súa importancia na historia da gaita e nas nosa vidas, senón porque foi unha demostración do que un colectivo de xente de ben pode chegar a facer có único interese de manifestar que podemos ser herdeiros e portadores dignos dunha tradición que sigue viva e que pode rexurdir con forza e frescura aíinda que pasen décadas.

1 comentario:

  1. Lembro coma se fose onte ese día.
    Recordo despois dunha clase tomando unha cervexa que me dixo. ´´polo menos mo fixeron de vivo e puiden desfrutar´´.
    Henrique foi noso mestre ate este ultimo sabado no banda de Moaña.
    Era un home que ou o amabas ou o odiabas polo seu caracter que non tiña termino medio. Cada un de nos queremolo como se fose noso pai.
    Levaremolo no nos corazón toda a vida. Toda a xente que tivo o pracer de coñecelo, de tocar con el, de aprender del... iso non temos cartos pra pagalo.
    Alo donde estes Henrique, que non pare esa gaita.

    ResponderEliminar