viernes, 23 de julio de 2010

DISCURSO DE MARÍA XOSÉ LÓPEZ

De seguido vai o discurso de María Xosé na homenaxe a Henrique Otero

AGRADECEMENTO AO MEU MESTRE HENRIQUE OTERO NO SEU 80 ANIVERSARIO

Eu son María Xosé de Muxicas, e non teño máis título nin tarxeta de presentación cá de ser gaiteira. Hai 34 anos comecei a ser alumna de Henrique Otero, cando non era máis cá unha páxina en branco, onde se podía escribir unha manchea de claves. Estudei no Conservatorio, e, por unha casualidade do destino, fun a primeira persoa en rematar un proxecto que Henrique tiña daquela: estabelecer estudos de gaita oficiais que puxesen ao noso instrumento nun lugar coa mesma consideración cá dos outros instrumentos. Por esta casualidade do destino estou aquí neste momento. O caso é que a porta que Henrique abriu para min, contra o que se puidese pensar – por estar no lugar e nas circunstancias que acabo de expoñer- , non foi un abraiamento pola técnica, non foron exercicios ximnásticos sobre o punteiro, non foi ler e executar mil notas unha detrás de outra sen sentido. Nin tan sequera foi a conciencia de que estabamos “dignificando” a gaita porque xa é digna de seu. Non. A porta que Henrique me abriu, e pola que el xa pasara antes, foi a de me achegar a un instrumento marabilloso, que me sitúa no cerne mesmo da paisaxe, dos costumes, da idiosincrasia deste pobo que dan en chamar Galicia, un instrumento con tantos matices, tanta expresividade, tanta historia, e tanta dignidade, que é moito máis cá un instrumento: é un sinal de identidade. Un instrumento que está no centro mesmo do que somos, que articula toda esa cultura que nos sitúa no mundo cunha linguaxe propia e única, que chegou ata nós nunha corrente subterránea que foron forxando as xeracións pasadas dende o escuro dos tempos e que trae con el a nosa esencia como ente colectivo, forza centrífuga e centrípeta do que fomos, no que somos e do que seremos. Un instrumento có que chegamos ao máis fundo do corazón de propios e estraños, e que nos permite ter un discurso coherente e diferenciado.

Así que hoxe, Henrique, veño aquí agradecerche o teu maxisterio, non só aquel polo que me ensinaches a dar notas no punteiro ou a afinar o ronco. Hoxe quero agradecerche especialmente esa vivencia que ti tiñas da gaita e da música galega, do lugar que ocupaba e que debía ocupar, porque con esa vivencia imprimiches na páxina en branco que eu era daquela un criterio cara ao noso que segue perdurando, e que me permite ter aberta a porta a esta sensibilidade e ao que nós somos. Grazas porque ti mesmo fuches un elo dese saber milenario e porque, transmitíndonolo, permítesnos seguir sendo un elo humilde e minúsculo na corrente imparable do tempo. Grazas por iniciarme nesta maneira de estar no mundo.

No nome dos nosos devanceiros que se gabarían de escoitar as nosas gaitazas- que non gaitiñas- en todos os foros onde nos é dado tocar, no nome das xeracións vindeiras ás que chegarán a túa música e esta maneira de entender o que somos, e sobre todo, no meu nome, grazas Henrique, por ser gaiteiro.

Vigo, 19 de Xuño de 2010 – MARÍA XOSÉ LÓPEZ

No hay comentarios:

Publicar un comentario